Saturday 18 de May de 2024

O Concello substitúe a antiga veleta do paseo marítimo de Camelle por unha nova de aceiro inoxidable


A réplica xa está fabricada e instalarase ao longo do día de hoxe.
O Concello de Camariñas está a acometer hoxe a substitución da antiga
veleta do paseo marítimo de Camelle por unha réplica nova fabricada en
aceiro inoxidable e que estará instalada no mesmo lugar que a anterior
antes de que remate o día.
A antiga veleta, situada ao final do paseo marítimo, estaba moi deteriorada
e, ao comezo desta lexislatura, o goberno local solicitara á Demarcación de
Costas a súa substitución dentro dunha lista de actuacións urxentes en
Camelle entre as que tamén se atopaba o amaño da pérgola do paseo
marítimo e a renovación do palco da música.
No seu momento Costas dixo que se encargaría do palco da música e que
daba autorización ao Concello para que executase os outros traballos.
Desde aquela, retirouse a pérgola para evitar desprendementos e
encargouse a fabricación da nova veleta, que finalizou recentemente.
O primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, expresou o seu desexo de
que “os veciños e veciñas de Camelle, e de todo Camariñas, podan visitar a
nova veleta o antes posible”.